Novas
II Quedada de Mocidade Xorda de Galicia o 18 e 19 de outubro en Santiago de Compostela
Noticia
16/09/2025
Ola a todos/as! Que tal? Seguro que desanimados porque xa se terminaron as vacacións de verán. Algúns volven traballar e outros a estudar, verdade? Pero desde a Sección Xuvenil da FAXPG traémosvos boas noticias. Sabedes o que? Moi pronto terá lugar a segunda quedada. Será o 18 e 19 de outubro, dous días cunha estancia nocturna.
Empezo explicando o programa do 18 de outubro. Ás 11: 00h quedaremos no punto de encontro, que será nun albergue de Santiago situado na seguinte dirección: Loop In Hostel Santiago (Rúa de Tras Santa Clara, 2). Cando cheguemos ao albergue faremos o proceso de rexistro, dividirémonos en grupos e habitacións e deixaremos as mochilas e as cousas.
Ás 13:00h virá un bus a recollernos para irnos a dous lugares posibles. Por que? Se fai bo tempo, iremos a un pobo cerca de Pontevedra chamado Almofrei. Que actividade faremos alí? Chegaremos sobre as 14:00 h para empezar a comer e estar un intre de charla tranquilamente. Ás 16:00 h comezará a actividade de barranquismo. Estaremos toda a tarde, ata as 19:30 h, máis ou menos. Alí cambiarémonos e prepararemos e ás 20:00 h virá buscarnos un bus para volver a Santiago. Cando cheguemos, ás 21:00 h, cearemos libremente por Santiago. Esta sería a primeira opción, agora a segunda.
Se fai mal tempo, que faremos? Ás 13:00 h virá buscarnos un bus para ir cara a Padrón. Sobre as 14:00 h comeremos, e unha vez listos, ás 16:00 h, empezaremos a actividade de rafting polo río. Será co mesmo horario, toda a tarde ata finalizar sobre as 19:30 h. Cambiarémonos e, unha vez listos, virá a buscarnos un bus para volver alí ás 21:00 h e cear libremente. Este sería o día 18.
Para o día seguinte, o 19 de outubro, explícavos o programa o meu compañeiro Nikolas.
O 19 de outubro almorzaremos ás 7:30 h. Ás 10:30 h dará comezo unha charla a cargo de Miguel Carregado sobre a orixe do Camiño de Santiago. Ás 11:30 h faremos un descanso de 30 minutos. Ás 12:00 h empezará un taller sobre movemento asociativo xuvenil, que impartirá unha persoa sorpresa. Será breve, de 30 minutos, e será moi ameno. Ás 12:30 h terminaremos e despedirémonos para irnos.
Queres saber como participar? Primeiro, as idades son de 18 a 35 anos. Podedes anotarvos na web da FAXPG. O prazo finaliza o 8 de outubro e as prazas son limitadas. Para calquera dúbida, podedes enviar un mail a: juventud@faxpg.es
Queremos dar as grazas á Xunta de Galicia polo seu financiamento a través do programa Iniciativa Xove, así como pola súa colaboración.
Vémonos pronto alí! Adeus!

Arquivada en:



