Cookies

A nosa historia

Desde a súa fundación en 1979, a FAXPG veu traballando no desenvolvemento de accións e programas marcados polos seus obxectivos fundacionais, reivindicando a situación das persoas xordas ante as Administracións e a sociedade en xeral e esixindo, como prioritario, o dereito para expresarse na súa propia lingua, a Lingua de Signos Española, e o acceso á información e á formación a través da mesma.

A creación da FAXPG significou a consolidación do movemento asociativo de persoas xordas en Galicia, dotándoo de maior representatividade institucional e política. Hoxe a FAXPG é unha entidade consolidada, formada por 8 Asociacións, e converteuse nun referente dentro e fóra do movemento asociativo de persoas xordas.

Nestes anos, a FAXPG levou a cabo numerosos programas, proxectos e actividades, animados co fin último de mellorar a calidade de vida do colectivo de persoas xordas.

Desde a creación do Servizo de Intérpretes da FAXPG no ano 1991, seguido do departamento de servizos sociais no ano 1993 e o departamento de xordocegos en 1995, pasáronse numerosas fases de expansión, transición e asentamento.

O punto de inflexión ten lugar no ano 1995, cando a FAXPG participa nun proxecto transnacional dentro da "Iniciativa Comunitaria de Emprego e Desenvolvemento de Recursos Humanos, programa HORIZON": Proxecto “FORUM: Sente a Comunidade Xorda”.

No marco desta iniciativa puxéronse en marcha os Centros de Orientación e Atención a Persoas Xordas, creouse un Centro Basee e catro Axencias Provinciais que atenderon as demandas do colectivo de persoas xordas e oíntes nas áreas de servizos sociais, educación, atención psicolóxica, emprego, Servizo de Intérpretes de Lingua de Signos Española, ensino da Lingua de Signos Española, etc. Foi a orixe da actual estrutura por axencias da FAXPG, aínda que logo foron ampliadas ás sete grandes cidades de Galicia.

Este proceso culminou coa creación do Centro de Formación e Recursos da FAXPG a través do segundo proxecto HORIZON: "FORUM: Pioners", así como as dúas primeiras axencias de colocación (actualmente catro).

Sobre esta plataforma estable, a FAXPG iniciou o seu desenvolvemento, gradual e continuado de servizos que na actualidade abarcan as seguintes áreas:

  • Accesibilidade e Eliminación de Barreiras de Comunicación (Servizo de Intérpretes de Lingua de Signos Española e Guías Intérpretes de Persoas Sordociegas e Desenvolvemento de Servizos para a Accesibilidade á Información e a Comunicación).
  • Fomento da Autonomía Persoal e Familiar (Servizo de Atención a Persoas Xordas, Servizo de Atención Psicolóxica, Mediación Comunicativa).
  • Formación para o Emprego e Inserción Laboral (Servizo Público de Emprego especializado e Axencias de colocación)
  • Atención a colectivos específicos en situación de exclusión social (Servizo de Voluntariado para a eliminación do illamento social e comunicativo das persoas xordocegas e persoas xordas en situación de exclusión social).
  • Formación, Sensibilización e Orientación Educativa, centrado no desenvolvemento educativo das persoas xordas (atención temperá, orientación educativa ao alumnado xordo; formación e orientación a docentes; apoio educativo, accións de formación non regrada con adolescentes e adultos/ as xordos/ as, formación de adultos.
  • Formación en Lingua de Signos Española, orientado á conservación e difusión da Lingua de Signos como valor principal da Comunidade Xorda.

Desde o ano 2005 e ante o crecemento da organización tanto a nivel representativo como de servizos, a FAXPG iniciou unha transformación dirixida a establecer un sistema de xestión de calidade que asegurase a satisfacción dos seus “clientes”. Neste marco iniciouse unha nova xestión baseada na planificación estratéxica, a xestión por procesos e o seguimento, análise e avaliación de resultados.

Estes cambios supuxeron unha transformación organizativa que levou á FAXPG ata o novo sistema de xestión baseado no esquema REDER e que actualmente alcanza o recoñecemento EFQM+400.

Toda esta xestión desenvólvese, non só sen prexuízo das actividades asociativas de representación e reivindicación dos intereses das persoas xordas e sordociegas en Galicia, senón baixo as premisas establecidas desde os órganos directivos neste sentido, acordando as iniciativas para poñer en marcha, e guiados por unha MISIÓN, unha VISIÓN e uns VALORES compartidos polo movemento asociativo da Comunidade Xorda galega.

      Imprimir
Accesibilidad