Novas
Día Internacional das Persoas Xordas 2023 en Pontevedra
Noticia
20/09/2023
O vindeiro sábado 30 de setembro celebraremos o Día Internacional de Persoas Xordas. Este ano farémolo na cidade de Pontevedra, organizado pola FAXPG xunto coa Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra (APXP) e como sempre coa colaboración das nosas asociacións afiliadas.
O lema nesta ocasión é “Un mundo onde as persoas xordas podamos signar”, un lema elixido para todo o mundo desde a Federación Mundial de Persoas Xordas (WFD). Con el, queremos reivindicar a presenza da LSE en todos os ámbitos da vida.
Explicámosvos o programa da xornada a continuación.
Ás 10:30 h reunirémonos na cruz da Alameda e a partir das 11:00 h iniciaremos unha marcha reivindicativa polas rúas da cidade ata chegar á Praza da Peregrina. Ás 12:30 h terán lugar a lectura do manifesto e as intervencións das autoridades. Sobre as 13:15 h, haberá unha actuación cultural en LSE que poñerá fin aos actos da mañá. Pola tarde, a partir das 16:30 h, atoparémonos de novo na Praza de Peregrina xa de forma informal, para compartir tempo xuntos/as aproveitando esta ocasión.
Para as persoas que non nos poidades acompañar alí, realizaremos publicacións nas nosas redes sociais nas que poderedes seguir como se desenvolve a xornada.
Vémonos en Pontevedra!
Arquivada en:



