Cookies

Novas

Día Internacional das Persoas Xordas 2024 en Ourense: Programa de actividades

Noticia

16/09/2024

O vindeiro sábado 28 de setembro celebraremos o Día Internacional de Persoas Xordas. Nesta ocasión farémolo na cidade de Ourense, organizado pola FAXPG xunto coa Asociación de Persoas Xordas de Ourense (APSOU) que este ano cumpre o seu 50º Aniversario, e como sempre coa colaboración de todas as nosas asociacións afiliadas.

O lema de 2024 é “Lingua de Signos por dereito, súmate!" un lema elixido para todo o mundo desde a Federación Mundial de Persoas Xordas (WFD).

Explicámosvos o programa da xornada a continuación.

Ás 11:00 h reunirémonos fronte á Policía Nacional (C/ Mestre Vide, 4) e a partir das 11:15 h iniciaremos unha marcha reivindicativa polas rúas da cidade ata chegar á Praza Maior. Ás 12:30 h terán lugar a lectura do manifesto e as intervencións das autoridades. Sobre as 13:00 h, haberá unha actuación cultural en LSE, unha canción signada por Vivir Signando, que poñerá fin aos actos da mañá.

Ao mediodía a APSOU organiza unha comida en "El Liceo" para a que é necesaria inscrición previa. .

Xa pola tarde, a partir das 16:30 h, atoparémonos de novo na Praza Maior para gozar de actividades e actuacións: unha sesión de Tai Chi, Visual Vernacular, xogos dinámicos e un espectáculo de humor. Tedes os detalles e horarios de cada actividade no programa adxunto a esta noticia. Ás 19:00 h finalizarán as actividades, pero despois a partir das 20:00 h a APSOU abrirá as portas do seu local social para compartir un intre en compañía despois das actividades culturais.

Pola noite iluminarase de cor turquesa a Ponte Romana e o Edificio Provincial da Deputación de Ourense.

As familias con nenos/as que o desexen, dispoñerán de monitor/a de forma gratuíta en horario de 12:30 a 13:30 h grazas á colaboración de Anpanxoga.

Para as persoas que non nos poidades acompañar alí, realizaremos publicacións nas nosas redes sociais nas que poderedes seguir como se desenvolve a xornada.

Vémonos en Ourense!

Arquivada en:

Accesibilidad