Cookies

Novas

Cúmprese un ano da presentación da videointerpretación 24h en urxencias do SERGAS

Noticia

26/02/2025

A implantación da videointerpretación 24 horas nas urxencias de PACs e hospitais públicos de Galicia cumpre xa un ano.

A accesibilidade en lingua de signos na atención sanitaria era unha demanda histórica do movemento asociativo de persoas xordas de Galicia.

Na época de pandemia, cando as barreiras de comunicación agraváronse, manifestámonos fronte aos principais hospitais galegos para esixir solucións.

Grazas á mobilización, en 2021 o Parlamento de Galicia aprobou unha Proposición Non de Lei que foi clave para a consecución deste logro.

Así foi como en febreiro de 2024 anunciamos xunto ao SERGAS e a AMTEGA a posta en marcha da videointerpretación nas urxencias dos 14 hospitais e 90 PACs públicos de Galicia, e tamén no teléfono de emerxencias sanitarias 061.

Entrevista María Alonso: “Tras un ano de implantación do servizo, o balance é moi positivo. Queda aínda camiño por percorrer, pero para todas as persoas xordas, saber que podemos ir a un hospital e imos poder comunicarnos sen barreiras, é unha enorme tranquilidade.”

A videointerpretación 24 horas funciona a través da plataforma SVisual, que facilita a comunicación en lingua de signos e tamén mediante chat.

Para dar a coñecer o funcionamento do servizo e formar ao persoal sanitario, impartimos a través da ACIS (Axencia Galega de Coñecemento en Saúde) un curso básico, e editamos a “Guía de atención a persoas xordas no ámbito sanitario” no que puideron participar os/as profesionais do sector.

Do mesmo xeito, para informar sobre a dispoñibilidade do servizo entre as persoas xordas, realizamos diferentes vídeos que difundimos a través da nosa web e redes sociais.

En todo caso, incorporar a videointerpretación nas urxencias de tantos centros sanitarios diferentes en toda Galicia non foi fácil. Como con toda nova medida, as incidencias que foron xurdindo foron parte do proceso para mellorar o sistema.
 
Para iso, desde a FAXPG realizamos un seguimento desta implementación, pero foi moi importante que as persoas xordas que acudistes a urxencias realizásedes tamén as vosas achegas.

Animamos a todas as persoas xordas a que sigades notificando calquera problema que detectedes a través da plataforma "Contacte" do SERGAS.
 

Arquivada en:
Programas e Servizos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > Contratación de Servizos > Accesibilidade

Accesibilidad